O Concello de Cervo mellora o camiño rural de Tagarreiro cun investimento de máis de 48.000 euros

AMariñaXa
A actuación, financiada a través do Plan Único, reforza a seguridade e as condicións de acceso na parroquia de Sargadelos
Concello-Cervo-edificio-casa-consistorial-1-scaled
2 Feb 2026

O Concello de Cervo está a executar estes días unha actuación de mellora e acondicionamento no camiño rural de Tagarreiro, situado na parroquia de Sargadelos, cun investimento total de 48.329,58 euros, financiados con cargo ao Plan Único. Os traballos forman parte da estratexia municipal para reforzar a rede viaria do rural e dar resposta ás demandas da veciñanza.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, visitou a zona para comprobar o desenvolvemento da obra, acompañada polo concelleiro de Zona Rural, Adrián Arias, e polo pedáneo da área, Luis Peña. Durante a visita, a rexedora puxo en valor a importancia desta intervención, coa que, segundo sinalou, “continuamos a avanzar na mellora dos accesos municipais, atendendo ás necesidades reais do territorio e garantindo camiños máis seguros e en mellores condicións”.

García Caramés incidiu en que o mantemento e a modernización dos camiños rurais constitúen unha prioridade para o actual equipo de goberno, ao tratarse de infraestruturas clave para a mobilidade diaria e para o sostemento da actividade agrícola e residencial. “Unha boa rede viaria é fundamental para fixar poboación e mellorar a calidade de vida no rural”, afirmou.

A actuación céntrase na renovación do firme do vial existente, respectando a súa configuración actual, nun camiño que dá acceso a varias vivendas e parcelas agrícolas da zona. Os traballos inclúen tamén actuacións de drenaxe co fin de evitar problemas derivados da acumulación de auga.

Segundo explicou a alcaldesa, trátase dunha obra necesaria para corrixir o deterioro acumulado e previr incidencias futuras. “Actuamos tanto sobre o firme como sobre o sistema de evacuación de augas para garantir unhas condicións de uso máis seguras e duradeiras”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.085419178009033