O Concello de Cervo mellora o Camiño das Fábricas en Espiñeirido

AMariñaXa
A actuación busca facilitar o traballo das explotacións agrogandeiras e mellorar a seguridade viaria no rural
Cervo-camino-EspiNeirido-obras-2025
Actualizada el 18 noviembre 2025, 14:40 horas
12 Nov 2025

O Concello de Cervo está a levar a cabo unha importante actuación de mellora no coñecido como Camiño das Fábricas, situado no lugar de Espiñeirido. O investimento total ascende a 29.549 euros e está cofinanciado pola Xunta de Galicia mediante fondos AGADER, dentro do plan Camiña Rural correspondente ao período 2025-2026.

Este camiño constitúe un acceso esencial a diversas parcelas agrarias da contorna, polo que a intervención ten como obxectivo facilitar o traballo diario do sector agrogandeiro local e mellorar as condicións de circulación de vehículos e maquinaria. En total, a obra abrangue 704 metros lineais cun ancho medio de 4,5 metros.

Os traballos consisten no reforzo do firme existente mediante o aporte dunha capa de zahorra de 20 centímetros, co propósito de adaptar a vía ás necesidades do tráfico rodado que soporta habitualmente. Ademais, procedeuse á limpeza das cunetas e á retirada da capa vexetal e dos materiais limosos, o que mellorará a drenaxe e prolongará a durabilidade do pavimento. Está tamén prevista a instalación de sinalización vertical para incrementar a seguridade viaria.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a zona acompañada do edil Adrián Arias, da concelleira Mali Méndez e do pedáneo de Cervo, Rubén Fernández, para supervisar a evolución dos traballos. A rexedora destacou a importancia da intervención e sinalou que “este é un camiño moi utilizado polos veciños e polas explotacións agrícolas, polo que a mellora supón unha clara aposta pola nosa contorna rural. Queremos facilitar o día a día das persoas que viven e traballan no rural e ofrecerlles vías seguras e en bo estado”.

García Caramés subliñou tamén o compromiso do equipo de goberno con seguir impulsando proxectos deste tipo en todo o municipio: “Continuaremos investindo en melloras que repercutan directamente na calidade de vida da veciñanza. O noso obxectivo é chegar a cada recuncho do concello, garantindo infraestruturas adecuadas para todos”.

⚙ Configurar cookies
0.069491147994995