O Concello de Cervo inviste na mellora do saneamento do río Cobo

AMariñaXa
O Concello de Cervo inviste máis de 35.000 euros en acometer traballos para mellorar a rede de saneamento na contorna de Río Cobo.
cervo saneamento rio cobo
25 Abr 2021

O Concello de Cervo está a acometer traballos para mellorar a rede de saneamento na contorna de Río Cobo.

O rexedor, Alfonso Villares, e a  edil de Obras, Mali Méndez, estiveron na zona supervisando a actuación que dará servizo ás parcelas situadas entre a urbanización de Río Cobo e a zona coñecida como O Chope, para a que se destinan máis de 35.000 euros procedentes de fondos propios.

Con esta actuación, o que se pretende é completar a rede principal de saneamento para levar o servizo a estes puntos que por problemas de cotas, presentaban certa complexidade. Con esta obra –precisaron- “logramos dar por finalizada e completada a rede de saneamento para cubrir as necesidades de toda a poboación do barrio de Río Cobo”.

Villares puxo en valor estas actuacións que pola súa natureza, ao quedar soterradas, poden pasar dalgún xeito inadvertidas, pero que para nós, para o Concello de Cervo “son unha prioridade porque contribúen a mellorar a calidade de vida dos cervenses”.

Seguiremos apostando por mobilizar diñeiro público –engadiu- para conseguir o noso obxectivo “que é levar o servizo a cada recuncho de noso municipio, tanto ás zonas urbanas, como rurais”.

0.19748210906982