O Concello de Cervo inviste 60.000 euros na mellora do local social de Lieiro

AMariñaXa
A actuación incluíu a renovación da cuberta, a mellora da accesibilidade e da seguridade cunha nova varanda de aceiro inoxidable
mellora-no-local-da-ASOCIACIÓN-DE-VECIÑOS-DE-LIEIRO-cervo-2025
16 Feb 2025

O Concello de Cervo colaborou coa asociación de veciños Nosa Señora de Lieiro na mellora integral do local social da parroquia cunha achega de preto de 60.000 euros. A obra permitiu a renovación da cuberta, coa substitución dos canos e baixantes, así como a mellora da accesibilidade e da seguridade, coa instalación dunha nova varanda de aceiro inoxidable. Ademais, tamén se realizaron traballos de reparación e saneamento da contorna.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, o concelleiro de Zona Rural, Adrián Arias, e a edil de Obras, Mali Méndez, visitaron as instalacións para comprobar o resultado dos traballos, acompañados por membros da asociación de veciños que xestiona o local e organiza nel diversas actividades lúdico-culturais.

A rexedora destacou que esta actuación non é só unha partida orzamentaria, senón un compromiso coas persoas que dinamizan este espazo con esforzo e dedicación, converténdoo nun referente de participación social durante todo o ano.

"Seguimos traballando na aposta polo asociacionismo –engadiu–, e con obras como esta tamén contribuímos a crear espazos máis acolledores, funcionais e seguros, para seguir enchendo de actividade o noso municipio."

0.17002892494202