O Concello de Cervo investirá máis de 150.000 euros na mellora das vías da Senra

O Concello de Cervo está a traballar na mellora das arterias de comunicación do núcleo da Senra cun investimento que supera os 150.000 euros, concretamente 169.351,20 euros. A alcaldesa, Dolores García Caramés, acompañada do edil de Zona Rural, Adrián Arias, achegáronse á zona para supervisar de primeira man o desenvolvemento dos traballos.
A obra, tal e como explicou a rexedora, abrangue a retirada da parte superior da capa de rodadura existente, o fresado dos firmes asfaltados e a reposición con rodadura bituminosa. Tamén se están executando canlóns de formigón para a recollida de pluviais. A reparación e mellora do pavimento de todo o ancho das vías afectadas supón unha remodelación integral das mesmas, que permitirá mellorar as dotacións existentes.
García Caramés destacou que esta intervención forma parte da súa aposta por “crear e mellorar espazos públicos de calidade, que sexan cómodos e accesibles para a veciñanza e tamén para favorecer o establecemento de novas familias nas nosas aldeas”. A rexedora tamén subliñou que a obra é un paso máis cara á igualdade de oportunidades e á cohesión territorial: "Coa mellora de estradas e accesos, estamos garantindo un transporte máis eficiente e seguro, que mellora as condicións de vida das nosas aldeas e núcleos de poboación; porque cada recuncho do noso concello merece os mesmos servizos e oportunidades que as zonas máis urbanas, e neso seguimos a traballar sen descanso", afirmou.