O Concello de Cervo instala carteis inclusivos no CEIP Península da Paz

O Concello de Cervo acaba de dar un paso importante na mellora da accesibilidade no CEIP Península da Paz coa instalación de carteis con pictogramas e en sistema braille. Estes novos paneis teñen como obxectivo identificar os diferentes espazos do centro educativo, facendo que o recinto sexa máis inclusivo e accesible para todas as persoas, independentemente das súas condicións.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, acompañada pola concelleira Mali Méndez, visitaron as instalacións do centro para supervisar de primeira man a colocación destes carteis. Na súa visita, tamén estiveron presentes o director e parte do profesorado, que mostraron o seu apoio e satisfacción coa iniciativa.
A rexedora destacou que este proxecto xorde dunha comunicación continua entre o Concello e o equipo directivo do CEIP Península da Paz, subliñando que "é unha proposta excelente e estamos moi contentos de poder contribuír a mellorar a sinalización do centro". García Caramés sinalou que esta acción "é unha verdadeira ponte cara á comprensión, a autonomía e a igualdade de oportunidades para que todo o alumnado, sen excepción, poida moverse libremente polo colexio con maior independencia".