O concello de Cervo inicia as obras que conectarán a zona de Galdín co centro de saúde
O Concello de Cervo vén de iniciar as obras de acondicionamento da rúa ubicada entre a avenida Bellavista e a avenida da Veiga, que conectará a zona de Galdín -onde está o colexio Península da Paz, de San Ciprián- co Centro de Saúde.
A actuación conta cun orzamento de 659.977 euros, froito dun convenio asinado coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, e está a ser executada pola empresa Ovisa Pavimentos y Obras S.L, que resultou adxudicataria no concurso.
Villares apuntou que se trata dunha actuación importantísima para esta vila porque estamos a falar da creación dunha nova arteria que “será unha alternativa de entrada e saída a San Ciprián, que aliviará e desconxestionará moito o tráfico do centro do pobo”.
O alcalde recordou, así mesmo, que o trazado inicial viuse variado para evitar pendentes e “ofrecer así tamén unha saída funcional e provisional do Polígono de Cuíña aos vehículos pesados, mentras a Deputación Provincial non executa a avenida de acceso que ten comprometida”.
A nova rúa terá unha lonxitude de 350 metros e unha anchura de 12 metros que favorecerá o dobre sentido da circulación; así mesmo están proxectados aparcadoiros e beirarrúas en ámbolos dous lados da calzada e tamén se construirá unha nova ponte sobre a vía do tren, e dúas glorietas -unha fronte ao centro de saúde e outra na zona de Galdín-; ademais da incorporación de nova iluminación e da dotación de servizos de saneamento e recollida de pluviais.