O Concello de Cervo inicia as obras de saneamento na parroquia de Castelo

AMariñaXa
Concretamente afectan ao lugar da Chousa de Motín e supoñen un investimento de 108.724,48 euros
cervo- saneamento Castelo
15 Jan 2025

Comezan estes días as obras de saneamento na parroquia de Castelo, no Concello de Cervo, que afectan en concreto ao lugar da Chousa de Motín, e que supoñen un investimento de máis de 100.000 euros -108.724,48 euros concretamente-, segundo trasladan desde o goberno municipal.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, e a edil de Obras, Mali Méndez, achegáronse ata o lugar para ver in situ os traballos, que tal e como recordou a rexedora “están sufragados integramente con fondos municipais do remanente de tesourería”.

A alcaldesa explicou: “O proxecto contempla a creación dunha nova rede de sumidoiros de augas residuais en tubos de PVC entre pozos de rexistro e renovaranse as acometidas domiciliarias, e tamén se renovará a pavimentación dos tramos de calzada afectados, mellorando tamén as condicións de accesibilidade da zona. O remanente de tesourería que fomos sumando bríndanos agora a oportunidade –afondou- de seguir investindo en proxectos que beneficiarán a todos, “neste caso centrados na mellora das infraestruturas deste núcleo do noso rural”.

Trátase dun paso máis –engadiu- para seguir na procura do obxectivo de garantir o acceso dos servizos básicos de calidade para todos, independentemente do lugar no que se viva; e é que son obras que non só melloran a saúde pública senón que tamén contribúen á protección do medio ambiente. Considera a rexedora que este tipo de actuacións ás veces pasan desapercibidas, non se ven, pero implican unha inversión pública moi importante que redundará na mellora da calidade de vida da veciñanza e no desenvolvemento das nosas zonas rurais.

 

0.17017722129822