O Concello de Cervo impulsa unha nova edición do programa Arruguiñas para promover o envellecemento activo

O Concello de Cervo puxo en marcha este mércores, 1 de outubro, unha nova edición do programa Arruguiñas, unha proposta consolidada de envellecemento activo que se prolongará ata o mes de xuño e que está dirixida a persoas maiores de 60 anos. O prazo de inscrición permanecerá aberto durante todo outubro tanto na Casa da Cultura como na sede do propio Concello.
A programación inclúe actividades moi variadas e de carácter gratuíto: talleres de memoria, obradoiros terapéuticos, clases de inglés práctico, rutinas de exercicio, aprendizaxe de lingua de signos, dinámicas de socialización, charlas e encontros interxeracionais.
Entre as novidades destaca o taller de inglés funcional, pensado para situacións da vida diaria como viaxar, empregar o móbil ou manter conversas cotiás. Impártese da man da English School de San Cibrao os martes e xoves en Cervo e en San Cibrao. Tamén se reforza o horario dos obradoiros terapéuticos en colaboración con Saúde Mental A Mariña, que ofrecen actividades creativas como traballos en resina, textil ou elaboración de xabóns.
Outras propostas inclúen o programa Móvete, a iniciación á lingua de signos, o obradoiro Actívate, manualidades, estimulación cognitiva e mesmo terapia asistida con cans.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou que Arruguiñas “naceu co obxectivo de dinamizar o día a día das nosas persoas maiores, ofrecéndolles recursos para manterse activos física, mental e socialmente, e lembrándolles o papel fundamental que desempeñan no municipio”.