O Concello de Cervo impulsa a renovación viaria no Lugar de Motín cun investimento superior aos 120.000 euros

O Concello de Cervo está a levar a cabo nestes días unha importante obra de mellora nas infraestruturas viarias do Lugar de Motín, situado na parroquia de Castelo. A actuación, financiada con cargo ao Plan Único da Deputación de Lugo, supón un investimento de 123.282,76 euros e afecta a unha superficie de 2.260 metros lineais.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, desprazouse até a zona acompañada do pedáneo para comprobar de primeira man o avance dos traballos. Segundo explicou, a obra contempla a renovación integral do firme en varios tramos que presentaban un notable desgaste, co obxectivo de garantir unha mellor seguridade viaria e facilitar os desprazamentos tanto para os residentes como para os vehículos agrícolas que circulan habitualmente pola contorna.
A rexedora subliñou que este tipo de intervencións exemplifican o compromiso do goberno municipal co rural e coa necesidade de asegurar un desenvolvemento harmónico entre todas as zonas do municipio. “Apostamos por un concello cohesionado, onde as infraestruturas estean ao servizo da veciñanza, con independencia de que vivan no casco urbano ou nas parroquias máis afastadas”, indicou García Caramés.
O Concello de Cervo continúa así coa súa folla de ruta orientada á modernización da rede viaria local, mellorando a calidade de vida da cidadanía e reforzando o tecido territorial cunha política baseada na equidade, accesibilidade e sostibilidade.