O Concello de Cervo impulsa a plantación de froiteiras para dinamizar as fincas particulares

O Concello de Cervo volve apostar pola recuperación e posta en valor das fincas particulares cunha nova campaña de plantación de árbores froiteiras. A iniciativa, que se canaliza a través dun pedido conxunto coordinado pola delegación municipal de Medio Ambiente, busca fomentar o aproveitamento dos terreos e favorecer unha maior produtividade das parcelas.
O prazo para sumarse a esta proposta abrirá o vindeiro luns, 12 de xaneiro, e permanecerá activo ata o 6 de febreiro. Durante ese período, as persoas interesadas poderán formalizar a súa solicitude empregando os impresos habilitados para tal fin, dispoñibles tanto no Rexistro do Concello de Cervo como na Casa da Cultura.
Desde o goberno local destacan que esta acción pretende animar á veciñanza a coidar e revitalizar as súas fincas mediante a plantación de froiteiras, contribuíndo así á mellora da paisaxe, ao autoconsumo e á sustentabilidade do medio rural. Trátase dunha iniciativa consolidada que se desenvolve anualmente e que conta cunha boa acollida por parte da poboación.