O Concello de Cervo está a renovar a cuberta do local social de Riocobo
Esta actuación pretende ser un incentivo para que novas iniciativas emprendedoras se podan establecer nesta instalación.
O Concello de Cervo está a renovar a cuberta do local social de Riocobo. O proxecto contempla a substitución da cuberta existente do Club Social de Riocobo, así como a colocación dun canelón perimetral e as baixantes necesarias para a correcta evacuación e funcionamento do mesmo.
O orzamento desta execución elévase ata os 48.350 euros, que estarán financiados na súa totalidade polo remanente das arcas municipais, “froito da xestión rigorosa que se está a facer das contas públicas”, dixo o alcalde, Alfonso Villares.
O rexedor salientou que “coa renovación da cuberta desta instalación estamos a acondicionar un local, cedido pola asociación de veciños de Riocobo, que ten como fin promover o establecemento de futuras iniciativas emprendedoras”.
Esta actuación -engadiu- vai en consonancia coa liña do noso equipo de goberno de rehabilitar espazos para promover que os emprendedores locais “podan materializar as súas iniciativas a un custo reducido, como xa fixemos satisfactoriamente cos negocios establecidos nestes últimos anos no Conxunto Histórico e Artístico de Sargadelos”.