O Concello de Cervo entrega as axudas aos centros escolares
O Concello de Cervo fai entrega dos cheques coas axudas aos tres centros escolares do municipio-CEIP de Cervo, CEIP Península da Paz e IES Marqués de Sargadelos- que reserva cada ano no seu orzamento. Foi nun encontro cos directores dos tres centros, a rexedora, Dolores García Caramés, e o concelleiro, David Rodríguez.
A alcaldesa sinalou que son unha liña de axudas que veñen complementar o apoio continuo que se presta desde o Concello durante todo o ano, para contribuír cos seus gastos de funcionamento. Esta aportación pretende ser unha axuda -engadiu- para o desenvolvemento das múltiples actividades que programan durante o curso que favorecen o progreso educativo do alumnado.
Estas axudas forman parte dunha partida orzamentaria de 7.500 euros que o Concello dirixe á comunidade educativa do municipio –neste caso aos centros e ás ANPAS-, que se suman a outras en marcha neste eido como as axudas para transporte e a adquisición de libros e material escolar.