O Concello de Cervo defende a súa actuación no conflito de Sargadelos e acusa ao BNG de oportunismo político

O equipo de goberno do Concello de Cervo considera que a decisión de non aceptar a urxencia da moción presentada polo BNG no último pleno foi “prudente e necesaria”. A medida tomouse tras unha intensa xornada de xestión da alcaldesa, Dolores García Caramés, quen estivo durante todo o día nas instalacións de Sargadelos reuníndose tanto coa dirección da empresa como co persoal traballador.
Segundo informan desde o goberno local, a alcaldesa tamén mantivo contacto coa Consellería de Emprego da Xunta de Galicia, que se comprometeu a intermediar coa inspección de traballo para buscar unha saída ao conflito laboral. “O obxectivo principal é garantir un espazo de diálogo entre empresa e inspección sen interferencias políticas que poidan dificultar unha solución”, sinalan.
Desde o Concello destacan que os postos de traballo estaban asegurados pola xerencia e que o conflito se xera entre esta e a inspección de traballo, organismo dependente do Goberno central. “Antes de politizar unha situación tan delicada, preferimos apostar pola discreción e o traballo conxunto para atopar unha saída beneficiosa para todas as partes”, explican. Nese sentido, agradecen que a Xunta estea a actuar como mediadora e instan tamén ao Estado a colaborar na resolución do problema.
A resposta do BNG, que criticou a non inclusión da moción no pleno, foi cualificada polo executivo municipal como “sorprendente e pouco responsable”. Desde o goberno local apuntan que os nacionalistas “parecen máis centrados en sacar rédito político dunha situación sensible que en arrimar o ombreiro para conseguir unha solución real e duradeira”.
A intención do Concello, recalcan, é velar polos intereses da veciñanza e, especialmente, dos traballadores de Sargadelos, unha fábrica que consideran un emblema cultural e económico de Galicia. “A nosa prioridade é garantir a continuidade da planta en Cervo, buscar alternativas ao peche e traballar man a man con todas as administracións e axentes implicados”, afirman.
Finalmente, fan un chamamento ao BNG para que se sume ao diálogo e á colaboración institucional. “Non desexamos que se chegue a debater a moción de urxencia porque iso significaría que xa conseguimos unha solución efectiva. Este é o momento de traballar xuntos, deixando de lado siglas e estratexias partidistas”, conclúen.
