O Concello de Cervo comeza as melloras da rúa Concepción Arenal

TerraChaXa | AMariñaXa
8 Mar 2019

O Concello de Cervo vén de comezar os traballos de renovación integral da rúa Concepción Arenal e o enlace á rúa Rosalía de Castro, ubicadas en pleno casco urbano de San Ciprián.
O alcalde, Alfonso Villares, e o edil de Obras, Plácido Pérez, achegáronse ata a zona para supervisar o inicio da actuación que “conta cun orzamento de 240.420 euros, todos eles procedentes de fondos municipais, froito do remanente de tesourería”.
Villares especificou que os traballos que se están acometendo contemplan a renovación do pavimento de toda a rúa, eliminando barreiras arquitectónicas e renovando servizos básicos como a rede de saneamento, independizando a recollida de augas fecais e pluviais –servizo, este último, que ata o de agora non existía nesta zona-. Ademais, tamén se renovará o alumeado público, substituíndo o tendido en superficie por unha canalización soterrada.
O alcalde apuntou que o obxectivo que se persegue é facer unha zona moito máis humanizada e cómoda para os peóns; de tal xeito que se van construír beirarrúas amplas e accesibles para favorecer a intercomunicación entre o comercio, as vivendas e os peóns que transiten pola zona.
Así mesmo tamén se instalará mobiliario urbano “concibido tamén como barreira que vai delimitar a zona do tráfico rodado e a peonil”.
Pola súa banda, Pérez explicou que nestes intres estanse a executar traballos de levantamento das liñas eléctricas que abastecen ás vivendas, “que se teñen que realizar con sumo coidado; pero que se estima que estean rematados nas vindeiras horas, “o que permitirá axilizar xa a obra que requirirá que se corte o tráfico rodado na Rúa Rosalía de Castro -entre a Rúa dos Campos e a Rúa das Areas-“.
Desde o Concello de Cervo piden comprensión á veciñanza polas molestias que poidan causar estas obras de mellora integral nesta zona do centro de San Ciprián.

0.18748497962952