O Concello de Cervo clausura unha edición de récord do programa Cervo Concilia

AMariñaXa
O programa estendeu as súas actividades até o inicio do curso escolar, cunha participación total de máis de 150 nenos e nenas
Imaxe da clausura de Cervo Concilia
10 sep 2024

O Concello de Cervo pechou unha exitosa edición do programa Cervo Concilia, que se estendeu ao longo do verán ata o inicio do novo curso escolar, cunha participación de máis de 150 nenos e nenas. Esta edición destacou por cubrir ao 100% a demanda existente, ofrecendo unha ampla gama de actividades educativas e recreativas.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, estivo presente na clausura do programa e na divertida Festa da Escuma na Praza dos Campos. Durante o verán, os pequenos disfrutaron de actividades diversas como teatro, ioga, surf, kaiak e rutas de sendeirismo, que foron diseñadas para fomentar o desenvolvemento persoal e social das crianzas.

García Caramés destacou que o Cervo Concilia non só ofrece unha alternativa durante as vacacións escolares, senón que tamén contribúe á conciliación da vida familiar e laboral. “Somos conscientes do reto que supón a conciliación para moitas familias e, por iso, tratamos de ofrecer solucións como o Cervo Concilia para que as familias poidan estar tranquilas, sabendo que os seus fillos están nunha contorna segura e enriquecedora”, afirmou a alcaldesa.

A rexedora tamén agradeceu o traballo do equipo de 10 monitoras e 11 voluntarias, subliñando que a súa dedicación foi clave para o éxito do programa. “O seu labor permitiu que as crianzas se divertiran ao tempo que aprendían e interactuaban con outros compañeiros”, engadiu.

Finalmente, a alcaldesa expresou o seu agradecemento ás familias por confiar no programa e prometeu que o Concello continuará impulsando iniciativas que axuden a equilibrar a vida laboral e persoal.

0.18860101699829