O Concello de Cervo avoga pola conciliación co servizo 'Cervo Madruga'

AMariñaXa
As familias interesadas xa poden entregar a súa solicitude no centro escolar correspondente
Cervo-Madruga
10 Dec 2024

O Concello de Cervo vén de poñer en marcha, en colaboración coas ANPAS do CEIP de Cervo e do CEIP Península da Paz, o servizo Cervo Madruga, dentro do programa Corresponsables de Cervo.

A alcaldesa explicou que nos últimos días veñen de manter encontros coas representantes das asociacións de pais e nais dos centros escolares de Cervo, nos que se valorou poñer en marcha este servizo, que será municipal e de balde, logo de detectar unha demanda importante no seo tanto do CEIP de Cervo como do CEIP Península da Paz.

Neste senso, a rexedora precisou: "Desde o Concello traballamos para ofrecerlles ás familias todas as ferramentas ao noso alcance para que a conciliación poida ser unha realidade. E con ese obxectivo –sinalou- nace agora Cervo Madruga, como un novo apoio ás familias para facilitar que as crianzas poidan comezar o día nun ambiente seguro, dinámico e educativo, cando as circunstancias así o requiren".

As familias interesadas xa poden entregar a súa solicitude no centro escolar correspondente ata o 19 de decembro, e o servizo porase en marcha á volta das vacacións de Nadal, o 8 de xaneiro. No programa, as familias teñen a opción de elixir o horario de 7.30 a 8.30 horas (con almorzo); ou de 8.30 a 9.30horas, no caso do CEIP Península da Paz, ou 9.35 horas, no caso do CEIP de Cervo.

A alcaldesa afondou en que este novo servizo vén reforzar o programa de conciliación en marcha desde hai anos no Concello, que este mesmo Nadal regresa para cubrir tamén integramente as vacacións escolares das crianzas, e que se desenvolverá en horario de 8.30 a 14.30 horas.

 

 

 

 

0.15332913398743