O Concello de Cervo avanza na mellora integral da zona do Porto de Arriba en San Cibrao

O Concello de Cervo segue traballando na mellora integral da zona do Porto de Arriba en San Cibrao, un dos lugares máis emblemáticos e cheos de historia do municipio. A alcaldesa de Cervo, acompañado da concelleira de Obras, Mali Méndez, achegáronse á zona para explicar as actuacións que se están levando a cabo para poñer en valor este recuncho cheo de beleza natural que, segundo a alcaldesa, recorda a estreita relación que o municipio ten co mar, que forma parte da súa herdanza mariñeira.
Nos últimos días, as obras centraron os esforzos en mellorar a accesibilidade na contorna da Estrada do Faro. O Concello investiu preto de 20.000 euros na mellora dos accesos peonís desta zona, coa construción dunha nova escada e a instalación dunha varanda para mellorar a estética e a seguridade do espazo público, creando un lugar "funcional e accesible para a veciñanza".
Ademais, tamén se realizou unha limpeza integral das rúas e substituíronse varias reixas para a recollida de augas pluviais, mellorando así a infraestrutura básica do espazo.
Estas actuacións forman parte dun proxecto integral moito máis amplo. A alcaldesa explicou que este inclúe a creación dunha zona de aparcamentos ao aire libre integrada na contorna, así como a rehabilitación do miradoiro da Atalaia, un punto emblemático desde o que se pode admirar a beleza de San Cibrao. A rehabilitación deste miradoiro, segundo Caramés, é un paso máis no compromiso do Concello co desenvolvemento sostible e a conservación do patrimonio local.
Dentro do proxecto tamén se está valorando a creación dun parque de calistenia na zona, un espazo que combinaría natureza, deporte e convivencia nun lugar privilexiado que favorece a práctica dunha disciplina que promove o benestar físico e a interacción social. Este espazo estaría destinado tanto a mozos como adultos e familias que queiran manterse activos mentres gozan das vistas espectaculares da costa de San Cibrao.
A alcaldesa finalizou destacando o compromiso do Concello en seguir apostando pola creación de espazos públicos que melloren a calidade de vida dos veciños, facendo mención tamén á Praza da Atalaia, que está en proceso de acondicionamento. O remate desta obra depende da recepción do informe técnico estrutural do esqueleto que se atopa na zona, que determinará a súa viabilidade para ser reutilizado como edificación.