O Concello de Cervo avanza na elaboración da Relación de Postos de Traballo

AMariñaXa
A alcaldesa Dolores García Caramés salienta o compromiso do goberno local coa mellora das condicións laborais e a calidade dos servizos municipais
concello-de-cervo-edificio-1
2 Oct 2025

O Concello de Cervo continúa a dar pasos firmes no proceso de elaboración da Relación de Postos de Traballo (RPT), un documento clave para organizar os recursos humanos municipais. Trátase dun trámite complexo que require tempo, análise técnico e consenso, e que se está a desenvolver segundo a folla de ruta marcada polo executivo local ao inicio da lexislatura.

Na Mesa Xeral de Negociación celebrada onte, a rexedora Dolores García Caramés comunicou aos representantes dos traballadores a aprobación formal do inicio da RPT. A decisión foi ben recibida polo persoal, algo que a alcaldesa interpretou como “un sinal claro do compromiso do goberno local coa mellora das condicións laborais, que repercute de xeito directo na veciñanza e na prestación de servizos de maior calidade”.

García Caramés fixo un chamamento á responsabilidade e á cooperación de todas as partes implicadas para culminar con éxito o proceso: “Estamos a traballar con seriedade, revisando cada detalle, e coa vontade de acadar un resultado beneficioso para todos. É tempo de remar na mesma dirección, porque ao final todos traballamos pola veciñanza de Cervo, e queremos que todo funcione da mellor maneira posible”.

A alcaldesa avanzou tamén que nas vindeiras semanas se convocarán novas reunións cos representantes sindicais co obxectivo de informar puntualmente dos progresos e seguir dando pasos conxuntos cara á aprobación definitiva da Relación de Postos de Traballo.

⚙ Configurar cookies
0.083073854446411