O Concello de Cervo arrinca motores coa súa programación de Nadal

AMariñaXa
Destacan múltiples actividades para os máis pequenos e propostas musicais nos próximos días
cervo
21 Dec 2024

O Concello de Cervo entra de cheo no Nadal cunha programación cargada de eventos e actividades que se desenvolverán ao longo da fin de semana e nos próximos días. Papá Noel visitou os colexios do municipio, repartindo ilusión entre os máis pequenos.

Este sábado 21, a xornada deportiva estará protagonizada polo Campionato de Nadal de Taijitsu, que terá lugar no Pavillón do CEIP Península da Paz a partir das 11.00 horas. Este evento contará coa participación de medio cento de deportistas procedentes de toda Galicia.

Pola tarde, Papá Noel continuará a súa visita no local social da Asociación de Veciños do Burgo, en Trasbar, a partir das 17.00 horas. Ademais, estará presente noutras localizacións do municipio, entre elas a Escola de Rúa, onde o domingo participará nunha chocolatada desde as 15.00 horas.

A programación musical terá como un dos seus puntos destacados o II Festival do Guioncho, que se celebrará o sábado 21 na Praza dos Campos. O evento, organizado pola Asociación Cultural Comisión de Festas de Lieiro, atraerá veciños de toda A Mariña cun cartel musical de gran nivel.

O domingo, a Casa da Cultura acollerá a Gran Gala do Nadal a partir das 19.00 horas. Este acto, considerado un dos máis importantes do programa festivo, reunirá a máis de 100 artistas locais, incluíndo os grupos A Rebolaxe, Mistura, Cantareiras Cordenaia, Fol do Raxal, o Coro de Cervo e a Coral Terramar.

Os máis pequenos tamén poderán gozar dun tren infantil e dun circuíto Nerf, que estarán instalados na Praza dos Campos en horario de mañá e tarde o domingo, luns e martes. Nesta mesma praza terá lugar na carpa o 2 de xaneiro o bingo musical.

A programación continuará nos próximos días con diversas actividades organizadas en colaboración cos colectivos locais.

0.16884303092957