O Concello de Cervo anuncia restricións de tráfico en San Cibrao pola festa da Maruxaina

O Concello de Cervo vén de anunciar as modificacións e restricións que se aplicarán ao tráfico rodado en San Cibrao con motivo da celebración da Maruxaina, que terá lugar o vindeiro 9 de agosto. A medida afecta a numerosas rúas do centro e da contorna do porto, que quedarán pechadas ao tránsito de vehículos durante os días previos e a xornada festiva.
Segundo informou o goberno local, desde o xoves 7 de agosto ás 23:30 horas quedará prohibido o estacionamento na Avenida da Mariña, nas rúas do Torno e Beiramar, así como no aparcadoiro fronte á Casa do Mar. Ademais, o venres 9 quedará completamente cortado o acceso rodado á Avenida da Mariña e ás rúas Aduana, Campos, Torno, Beiramar, Caosa, Hospital, Miramar, Anxuela, Coto e Penamea, así como ás prazas do Lugar e Penal e á zona do Porto de Arriba.
Estes cortes non afectarán os vehículos de emerxencia, reparto, servizos municipais nin aqueles que dispoñan dun pase específico. As persoas residentes e quen poidan acreditar que teñen praza de garaxe nalgunha destas rúas poderán solicitar dito pase na Casa da Cultura de San Cibrao desde o luns 28 de xullo ata o mércores 6 de agosto, en horario de 9:00 a 14:00 horas.
Desde o Concello lembran a importancia de respectar as restricións para garantir a seguridade e o bo desenvolvemento da festa da Maruxaina, un dos eventos máis emblemáticos do verán na Mariña lucense.


