O Concello de Cervo alberga unha estación meteorolóxica que medirá o impacto do clima no patrimonio cultural
O dispositivo, enmarcado no proxecto de investigación estatal RESCUhE, estará instalado na azotea do Centro de Día Residencia, recollendo datos durante dous anos nun lugar moi exposto aos diferentes factores climáticos.
O Concello de Cervo alberga unha estación meteorolóxica que recollerá datos para medir o impacto do clima no patrimonio cultural, a través dunhas mostras de diferentes tipos de pedra e metais, que estarán expostas aos diferentes factores ambientais durante dous anos na azotea do Centro de Día Residencia, en San Ciprián.
No prazo dun ano está previsto que esa estación se complemente con luxómetros (captadores de radiación solar), para medir os diferentes choques térmicos nas diferentes pedras e metais.
Ata alí achegáronse o rexedor, Alfonso Villares, a edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, a concelleira de Cultura, Dolores García Caramés, e o técnico de Medio Ambiente, Javier Lamelas, para coñecer de primeira man os pormenores do proxecto da man do científico titular e do investigador do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España, Javier Martínez, e Jorge Fernández, respectivamente.
O Concello de Cervo foi o lugar elixido no norte península para desenvolver este proxecto de investigación; que sumará cinco estacións meteorolóxicas en toda España, en Madrid, en Cádiz, en Alicante, en Zaragoza e aquí no noso municipio, e unha no Principado de Andorra; co obxectivo de caracterizar a vulnerabilidade actual e futura, nos diferentes escenarios do cambio climático, do patrimonio cultural baixo as condicións de diferentes climas peninsulares.
Ademais, tal e como explicaron os investigadores, preténdese innovar cunha metodoloxía que permita deseñar e dimensionar de forma efectiva barreiras físicas de apantallamento que permitan unha mitigación dos efectos de estes factores climáticos, contribuíndo á conservación preventiva do patrimonio cultural.
Villares aplaudiu a iniciativa e amosou a disposición total do Concello para colaborar en todo canto precisen, e “agradeceu aos investigadores que se fixasen no municipio como epicentro da zona norte para desenvolver este interesante e innovador proxecto que de seguro desvelará a medio prazo conclusións moi interesantes en prol da preservación do noso patrimonio, un tema prioritario para nós e no que estamos continuamente traballando”.