O Concello de Cervo adquire os terreos e a edificación situados na rúa do faro, na Atalaia
O Concello de Cervo ven de adquirir os terreos e a edificación situados na rúa do faro, na Atalaia. Esa edificación ergueuse no ano 1978, cun total de 4 plantas e un soto, co obxectivo de albergar vivendas, e desde entón nunca estivo habitado.
Na actualidade eses terreos, que teñen unha superficie construída de 2.171 m2, están afectados pola zona de protección do xacemento arqueolóxico Castro de Atalaia de San Cibrao.
O Concello xa iniciara con anterioridade os trámites administrativos necesarios para alcanzar, con este inmoble, o obxectivo de eliminar todas aquelas estruturas inacabadas desde hai un tempo, destacando a aprobación do Plan Especial de Protección do Xacemento da Atalaia. Con respecto a este edificio, conseguiuse chegar a un acordo cos propietarios, despois dunha negociación complexa, posto que eran varios os donos dos terreos, que permitiu axilizar o proceso notablemente. Finalmente a adquisición dos terreos que conteñen a edificación efectuouse por un importe de 40.000€.
Desde o Concello executan esta operación coa finalidade de poñer en valor o xacemento arqueolóxico da zona e a súa contorna, reorganizando os accesos e percorridos, ademais de ampliar a área pública para facer labores de divulgación dos valores antropolóxicos e culturais.
O rexedor Alfonso Villares destacou “a axilidade no proceso de adquisición dos terreos, e do propio edificio, grazas ao acordo de negociación que levamos a cabo xunto cos propietarios, posto que, de non ser así, os trámites poderían alongarse moito no tempo e, quizais, non nos permitiría poñer en marcha o proxecto que temos para esa zona”.
Engade o alcalde: “esta operación permítenos exaltar o enclave arqueolóxico da Atalaia, poñendo en valor o patrimonio que alí se atesora e, ademais, conseguimos acabar cun feísmo paisaxístico. Sinalou tamén que “este proxecto é un paso máis dentro do conxunto de actuacións que teñen como obxectivo apostar pola vivenda de promoción pública e evitar os feísmos paisaxísticos, como demostran o convenio asinado coa Xunta de Galicia para promover vivendas de carácter social a orde de demolición executada o mes pasado sobre os edificios de Os Molineros e Pasillo Verde na zona de Galdín”.