O Concello de Cervo acomete a reforma integral da Praza Nardo Martínez

O Concello de Cervo está a levar a cabo nestes días a reforma integral da Praza Nardo Martínez, en San Ciprián, cun investimento de 150.000 euros procedentes do remanente de tesourería municipal. Trátase dunha intervención de grande relevancia para a vila, pois permitirá resolver os problemas de filtracións que afectaban á cuberta do auditorio da Casa da Cultura, ademais de mellorar a accesibilidade e renovar de maneira integral a estética desta praza tan simbólica para a veciñanza.
O proxecto inclúe a impermeabilización completa da cuberta do auditorio, a posta a cota de tapas e arquetas, e a mellora da accesibilidade dende a Avenida da Mariña. Neste punto, crearase unha “orella” no paso de peóns e instalarase pavimento podotáctil para facilitar o desprazamento das persoas con discapacidade visual.
A reforma tamén contempla a renovación dos pavimentos, reaproveitando as grandes lousas de granito xa existentes e completando as zonas necesarias con adoquíns do mesmo material e tonalidade, co obxectivo de manter unha imaxe homoxénea e harmónica co resto das melloras urbanísticas realizadas en San Ciprián nos últimos anos.
Ademais, substituirase o mobiliario urbano —bancos, xardineiras e sinalización vertical—, de maneira que o conxunto recupere o seu esplendor e funcionalidade como punto neurálxico da vida social e cultural cervense.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, acompañada polo concelleiro Adrián Arias, visitou os traballos e destacou que se trata “dunha actuación prioritaria para este equipo de goberno, xa que servirá para mellorar un espazo público moi frecuentado pola veciñanza e fundamental para a vida comunitaria, ao atoparse sobre o auditorio da Casa da Cultura e ser un lugar habitual de encontro”.
Caramés engadiu que con esta intervención “melloramos a estética, accesibilidade e seguridade dun espazo fundamental para San Ciprián, ao tempo que garantimos o bo funcionamento do auditorio”. Subliñou tamén que o feito de financiar integramente a obra con fondos propios “demostra o compromiso deste equipo de goberno por seguir mellorando os espazos públicos e investir os recursos municipais en proxectos que teñen un impacto directo e positivo na vida diaria da veciñanza”.
A rexedora lembrou ademais que a Praza leva o nome de Nardo Martínez, en homenaxe a un veciño moi querido polo seu compromiso coa comunidade. En xullo de 2023, Nardo foi nomeado fillo adoptivo do Concello de Cervo a título póstumo, nun emotivo acto que recoñeceu a súa traxectoria vital e o fondísimo agarimo que deixou entre todos os que o coñeceron.