O Concello de Burela será obxecto dun informe especial por parte do Consello de Contas

AMariñaXa
O Concello de Burela será obxecto dun informe especial por parte do Consello de Contas debido ás irregularidades detectadas
20 Maio 2021

O Concello de Burela será obxecto dun informe especial por parte do Consello de Contas debido ás irregularidades detectadas e xa denunciadas polo Grupo Municipal Popular.

Así, remitíuselle ao Grupo Municipal Popular o acordo adoptado hai unhas semanas polo Pleno do Consello de Contas perante a denuncia efectuada por este Grupo a principios deste ano no referente “ás terribles irregularidades detectadas no correspondente informe de intervención e secretaría remitido coas contas que enviou a este órgano independente o Concello de Burela, do que o Sr. Llano é o seu máximo responsable”, din.

Neste sentido, “o Consello de Contas ven de darlle a razón ao Grupo Municipal Popular no referente á denuncia efectuada no seu día e que poñía de manifesto as gravísimas irregularidades detectadas nesas contas que foron aprobadas o ano pasado polo “goberno” do Sr. Llano co total consentimento, unha vez máis, do Grupo do BNG”, segundo manifestan os populares.

Irregularidades laborais

“Fálase, por exemplo, de graves irregularidades laborais dentro do propio Concello ao estar a cobrar parte do persoal laboral complementos que non se axustan á legalidade vixente, o que supón unha vulneración dos dereitos de igualdade con respecto ao resto do persoal que cumpre coas súas funcións en postos de igual categoría”, indican.

Ademais, segundo explican dende o Grupo Municipal Popular “gran parte do persoal laboral do Concello de Burela, contratado inicialmente de forma temporal, pasou a ser persoal de facto ao superarse o período máximo que podería estar nesta situación de contratación de temporalidade sen que, dende a alcaldía, se tomara ningún tipo de medida para que se procedera á convocatoria de algún concurso oposición que garantira a libre e equitativa participación de todos aqueles, veciños ou non de Burela, que se quixeran presentar”.

Gastos correntes

Os populares tamén lamentan “o fraccionamento de gastos correntes para ser adxudicados, presuntamente a dedo, vulnerando así os requisitos do contrato menor. A maioría dos gastos, aínda que se axusten ás condicións do contrato menor, non foron tramitados tal e como require a Lei de Contratos do Sector Público”, aclaran.

Ausencia de control sobre os ingresos dos espectáculos culturais

Dende o PP de Burela destacan tamén que “no informe remitido, a intervención do Concello de Burela, manifesta ben ás claras que non se ten ningún control sobre os ingresos dos espectáculos culturais que se están a celebrar na nosa vila, sendo reparados por parte deste departamento de forma habitual, por exemplo, no referente aos ingresos das entradas de ditos espectáculos, dos cales non se ten ningún tipo de constancia”. E, nese sentido, pregúntase “qué pasa pois cos cartos derivados de ditas entradas, presuntamente, a que peto están a marchar e quen se está a beneficiar do cobro dos espectáculos culturais da nosa vila”.

Os populares sacan a luz que “no informe elaborado no seu día pola intervención xa se recomendaba que o Concello de Burela tivera unha contabilidade de custos adicional á contabilidade orzamentaria e financeira que se está a realizar, o que denota as dúbidas que está a ter este departamento municipal sobre a elaboración das contas que está a efectuar o Sr. Llano e o seu equipo”.

Débedas do anterior goberno bipartito

Os populares lembran que no ano 2011 o Goberno Municipal do PP atopouse con case 1,3 millóns de euros en débedas de facturación deixadas nos caixóns por parte do anterior goberno bipartito do PSOE-BNG.

Informe especial do Consello de Contas

O acordo final adoptado polo Pleno do Consello de Contas recolle “unha situación histórica polas connotacións negativas que reflicte para o noso Concello no relativo á inclusión do mesmo dentro dunha mostra de concellos que serán obxecto dun informe especial por parte do Consello de Contas debido ás dificultades que se están a presentar no control interno dos mesmos”.

“Agora podemos empezar a entender por que non hai ningún interventor ou interventora que queira quedarse no noso Concello a levar a cabo a súa función. As irregularidades manifestadas son suficiente evidencia das dificultades con que se atopan estes funcionarios no noso Concello e que non haxa ningún que se queira pillar os dedos”, segundo consideran dende o PP local.

0.19103813171387