O Concello de Burela saca a licitación o SAF
O Concello de Burela ven de sacar a licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) na modalidade de dependencia, por un montante total do contrato de 1.401.055,55 euros cun presuposto base de licitación de 662.317,15 euros. O prazo é dun ano máis posible prórroga doutro. As empresas poden presentar as súas ofertas ata as 23:59 horas do 11 de marzo. O goberno local estima que o número de horas podería incrementarse ata nun 20% nestes dous anos.
A concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, sinala que “35.000 horas son as que se prestarán e deberán ofrecer servizos de podoloxía, fisioterapia e perruquería a domicilio. Na actualidade o SAF na modalidade de dependencia conta con 70 usuarios e usuarias en Burela, número que podería medrar”.
A edil burelesa explica que “o SAF é un contrato para un servizo moi importante que desexamos continúe a ser de máxima calidade, como ata o momento, sobre todo nos tempos que corren. Engloba 35.000 horas anuais, aproximadamente 2900 horas ao mes, que asumen 24 auxiliares de axuda a domicilio para atender a 70 veciños e veciñas de Burela. Sacámolo a un prezo tipo de 18,92 euros a hora IVE incluído, ao que máis do oitenta por cen vai destinado a custes de persoal, o que significa unha actualización notable e digna en canto ao prezo hora do último contrato licitado (12,27 hora laboral, 13,26 euros hora festiva) e que non contaba coa actualización do salario mínimo interprofesional, o cal mellorou as condicións das profesionais que desenrolan este tipo de traballo”.
Carmela López insistiu en que “contempla todo tipo de atencións de carácter persoal, de necesidades domésticas e acompañamento. Trátase dun servizo que debemos coidar e valorar, xa que é esencial”.