O Concello de Burela renova por completo o semáforo do cruce dos Castros tras máis de 25 anos de uso

O semáforo do cruce dos Castros, en Burela, leva varias semanas funcionando en modo ámbar intermitente e así continuará durante algún tempo máis. O motivo, segundo informou o Concello, é a necesidade de acometer unha renovación integral do sistema, que leva máis de 25 anos en funcionamento e presenta importantes deficiencias técnicas.
Desde o goberno local explican que a actual electrónica está obsoleta e que xa non existen repostos no mercado, polo que resulta imposible realizar reparacións puntuais. Ademais, o cableado subterráneo atópase moi deteriorado e será preciso substituílo na súa totalidade por materiais máis resistentes e seguros.
A intervención prevista inclúe a instalación dun regulador de última xeración, novo cableado protexido, actualización das lentes LED e melloras na seguridade eléctrica. “Queremos que o novo sistema quede preparado para funcionar sen problemas durante moitos anos”, sinalan desde o Concello.
Os traballos levarán consigo a retirada do antigo semáforo, así como a montaxe e programación do novo equipo. As estimacións apuntan a que o dispositivo poderá estar operativo de novo nun prazo de entre dúas e tres semanas, sempre que non xurdan imprevistos.
O Concello pide comprensión á veciñanza e lembra que esta actuación é necesaria para garantir o correcto funcionamento e a seguridade dun punto clave no tráfico urbano de Burela.