O concello de Burela publica as obrigas que deberán cumprir os propietarios e titulares de fincas urbanas e forestais
Aínda que no bando concrétanse as obrigas con maior detalle, estas circunscríbense, entre outros extremos, a que antes do 31 de maio deste ano, as persoas físicas ou xurídicas propietarias das parcelas e fincas clasificadas como solo urbano (incluidas as que teñen consideración de soar) ou urbanizable sitas no termo municipal do concello de Burela deberán xestionar a biomasa vexetal, executando na totalidade da superficie do terreo os traballos de roza que sexan precisos; proceder á corta e retirada das especies arbóreas sinaladas na Disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, nos termos establecidos en dita norma legal; e mantelas limpas, libres de residuos e nas debidas condicións de hixiene, salubridade, seguridade e ornato público -esta obriga inclúe a esixencia de desratización e desinfección das devanditas parcelas e/ou fincas-.
Tamén antes do 31 de maio e en referencia ás parcelas e fincas que teñen a consideración de monte ou terreo forestal -ou que están situadas nas zonas de influencia forestal-, sitas no termo municipal do concello deberán tamén xestionar a biomasa vexetal e proceder á retirada das especies arbóreas, no ámbito das redes de faixas secundarias de xestión de biomasa, nos termos da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia; proceder á corta e retirada das especies arbóreas sinaladas na Disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, no ámbito das redes de faixas secundarias de xestión de biomasa e nos termos establecidos en dita norma legal; adecuar as masas arboradas existentes e as novas plantacións, ás distancias mínimas establecidas no Anexo II da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de Montes de Galicia.
O concello informa tamén que as persoas interesadas poderán formular calquera consulta ou solicitude de información adicional sobre a materia referida ante o Servizo de Medio Ambiente do Concello de Burela, chamando ao número de teléfono 982 58 60 00, remitindo un correo electrónico a medioambiente@burela.org, ou, no seu caso, presentando o oportuno escrito nos rexistros administrativos legalmente habilitados.