O Concello de Burela presentou dous proxectos ao programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo

AMariñaXa
Continúan as visitas guiadas do patrimonio mariñeiro de Burela. Será ao Barco Museo, ás Redeiras Cabo Burela e aos Mariñeiros Xubilados
conservacion patrimonio burela 2024
5 Mar 2024

O Concello de Burela presentou dous proxectos ao programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA), na convocatoria correspondente ao 2024.

Unha vez valorados os proxectos e resolta a convocatoria, informarase á veciñanza da súa resolución e, de ser o caso, do inicio dos proxectos. O FEMPA é xestionado a través dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), neste caso, do GALP A Mariña-Ortegal.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, destaca que os dous proxectos presentados “poñen en valor o papel fundamental que o sector do mar ten na nosa vila, e neles teñen un peso clave a mocidade e o tecido asociativo”.

O primeiro dos proxectos presentados é ‘Burela alumea - O espello do Faro’. Á espera da súa avaliación para a súa posta en marcha, o proxecto foi creado en torno ao patrimonio material pesqueiro e a súa conservación e difusión.

Este proxecto xira arredor do molde do Faro de Burela, empregado para a reparación deste tras os desperfectos sufridos polo mesmo no temporal do ano 2014. A reparación do molde, e a realización dunha obra artística na estrutura, farán que este “funcione como espello” en terra do Faro no mar”, explica Carmela López.

Está enfocado a promover a participación das mozas e mozos de Burela, que exercerán como “detectives e difusores do patrimonio pesqueiro da vila a través de obradoiros de radio e fotografía”, sinala a alcaldesa.

Deste xeito, “fortaleceranse os seus lazos co sector pesqueiro e as súas diversas asociacións e entidades: Confraría de pescadores, Asociación A Moncloa, Asociación de redeiras Cabo Burela ou Fundación Expomar”, explica.

O segundo proxecto presentado denomínase ‘Ondas limpas - Programa de sensibilización e acción ambiental na contorna da Marosa’. Céntrase na concienciación comunitaria arredor do coidado do medio ambiente.

Consta de distintos eixos de acción: recollidas de lixo plástico nos areais, realización dunha obra artística con materiais de refugallo nun local no complexo deportivo municipal da Marosa, e realización de traballos técnicos para a erradicación da uña de gato no areal.

Este proxecto, ademais, “pon o foco na importancia dos deportes no mar como xeradores de actividade económica e benestar social da veciñanza”, destaca López. Conta tamén coa vinculación do sector pesqueiro, e está dirixido á mocidade e ao tecido asociativo da vila.

0.19634294509888