O Concello de Burela presenta a súa programación especial para a Semana Santa

AMariñaXa
“Con todas estas actividades, esperamos que a afluencia de xente a Burela en Semana Santa, se o tempo acompaña, sexa moi boa", explicou o concelleiro de Turismo
BURELA_Semana-Santa-2025-pregon-e-inauguracion.1
11 Apr 2025

O Concello de Burela acollerá numerosas actividades esta fin de semana para darlle a benvida ás festas de Semana Santa. Haberá música, teatro, deporte e moito máis.

“Será o comezo dunha programación para todos os gustos, chea de variedade e calidade, coa que desfrutar ao máximo estas festas en Burela”, sinala a alcaldesa Carmela López.

Hoxe, venres 11 de abril, haberá un concerto da cantante Marilia Monzón ás 21:00 horas na Casa da Cultura, como parte do ciclo Maraxes da Osa organizado pola asociación Fanto Fantini.

Mañá, sábado 12, comezarán en Burela os partidos da categoría infantil feminina do V Torneo M&W de minibásket. Haberá encontros ás 10:30 horas e ás 12:00 horas no pavillón Vista Alegre e ás 17:30 e ás 19:00 horas no Monte Castelo. Ademais, de 10:30 a 13:30 horas e de 15:00 a 18:15 horas haberá entrenamentos para a proba ciclista Enduro Monte Castelo do domingo.

Ás 18:30 haberá un tramo urbano cronometrado non puntuable, e ás 22:00 horas, un concerto de Louband na praza do Concello. Tamén mañá terá lugar a representación da obra de teatro infantil ‘Facendo o indio’ por parte de Galitoon. Será ás 18:00 horas, tamén na Casa da Cultura, e a entrada poderá ser adquirida alí a un prezo de 3 euros.

O domingo comezará a proba V Enduro Monte Castelo, que se desenvolverá de 8:30 a 14:30 horas. A partir das 15:00 horas será a entrega de trofeos da mesma. Tamén haberá novos partidos do V Torneo M&W, ás 10:15 e 11:45 horas no Vista Alegre.

MÁIS ACTIVIDADES

Ademais, haberá unha programación especial para a Semana Santa, unha oferta variada de actividades culturais e turísticas que se desenvolverán entre o 15 e o 19 de abril.

Unha das principais atraccións será o Barco Museo Boniteiro, que permanecerá aberto do 15 ao 19 de abril. As visitas realizaranse en cinco quendas diarias: ás 11:00 horas, 12:00 horas, 13:00 horas, 17:00 horas e 18:00 horas. Esta actividade permitirá coñecer de preto a tradición pesqueira local e o importante papel do norte na historia da vila.

No ámbito natural, programáronse as XeoRutas, que permitirán explorar a costa burelá desde unha perspectiva xeolóxica. O 17 de abril, de 10:30 horas a 13:30 horas, celebrarase a XeoRuta O Perdouro; mentres que o 19 de abril, de 16:30 horas a 19:30 horas, terá lugar a XeoRuta A Marosa.

Ademais, o sábado 19 de abril ás 10:30 horas está prevista unha visita guiada á igrexa da Vila do Medio, un dos enclaves máis antigos e simbólicos de Burela. Para participar, é preciso inscribirse previamente na oficina de turismo de Burela.

“Con todas estas actividades, esperamos que a afluencia de xente a Burela en Semana Santa, se o tempo acompaña, sexa moi boa, que siga aumentando os datos de anos anteriores, e que convidamos á xente a vir e desfrutar de Burela durante toda a Semana Santa”, explicou o concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey.

As actividades están organizadas polo Concello de Burela e desenvolveranse en diferentes puntos do municipio ao longo da semana.

⚙ Configurar cookies
0.18867301940918