O Concello de Burela pon en valor a iniciativa Corazón Solidario
O Goberno Local de Burela asistiu á última xornada do Curso de Bordado 2023/2024, que se desenvolveu dende o 15 de setembro de 2023 ata o pasado 15 de maio coa participación de máis de 50 mulleres. Nela, a concelleira de Servizos Sociais, Sandra Fernández, quixo poñer en valor a iniciativa Corazón Solidario, “que xurdiu dunha muller de dito curso que superou un cancro de mama e coa que se conseguiu doar ao Hospital Público da Mariña varios coxíns terapéuticos artesanais realizados de xeito altruísta”.
As telas foron aportadas por participantes do curso e persoas que as mercaron nas tendas da vila, e o Concello aportou as bolsas feitas na Fundación Eu Son, nas que se entregaron os coxíns terapéuticos ao hospital. “Dende o Concello de Burela apoiamos e seguiremos apoiando todas as iniciativas que, como esta, xorden en favor da nosa comunidade”, concluíu Fernández.