O Concello de Burela planta árbores autóctonas na vila

AMariñaXa
O Concello de Burela segue co seu plan de repoboación de espazos públicos con plantación no parque Tíjola e ao lado da Casa do Concello.
plantacion arbores burela
11 Feb 2021

O Concello de Burela segue co seu plan de repoboación de espazos públicos con especies como cerdeiras, acivros e camelias. Hoxe as actuacións tiveron lugar no parque Tíjola e nas inmediacións da Casa do Concello, onde estiveron tanto o alcalde, Alfredo Llano, como a concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo. A medida forma parte dun programa máis amplo para proceder á rexeneración de espazos urbanos e forestais. O Concello levará adiante unha importante actuación no Monte Castelo onde plantará frondosas e froiteiras.

O alcalde burelés dixo que “hai un programa establecido desde o Concello onde estamos a recuperar algunha especie autóctona, por exemplo estamos plantando cerdeiras arredor do edificio do Concello e algunha outra árbore como son os acivros. Estamos tamén facendo unha plantación grande no Monte Castelo e aproveitando tamén imos poñer bastantes froiteiras, sobre todo cerdeiras, na zona onde está a capela. Pensamos que é unha boa solución para favorecer a diversidade.

No Monte Castelo ultimamente estase notando unha escaseza de animais, sobre todo paxaros. Entón queremos establecer un campo favorable para que se poida ver a diversidade e completar os ecosistemas que tanto se precisan. Despois tamén plantaremos o máximo posible de frondosas. Esa é a idea que temos desde Medio Ambiente, ademais doutras das que falaremos máis adiante”.

O rexedor subliñou que “a xente ten que saber que estamos metidos nun programa, que se denomina Concellos polo Clima e pola Enerxía, onde imos establecer unha serie de comportamentos que penso que van ser moi bos para favorecer unha forma de convivir, de bo nivel nun pobo que pode ser moi mellorado nese aspecto”.

Toñi Eijo explicou que “plantamos nas inmediacións da Casa do Concello e parque Tíjola tres cerdeiras, dous acivros e dúas camelias, coa finalidade de repoboar os espazos públicos con árbores autóctonas e no marco dunha actuación máis ampla de rexeneración dos espazos urbanos e forestais do Concello de Burela”.

0.15599799156189