O Concello de Burela organiza un ano máis o programa 'Burela de Ruta' entre xullo, agosto e setembro

AMariñaXa
Haberá tres xeorutas distintas, A Marosa, O Perdouro e O Cantiño, e entre os meses de xullo, agosto e setembro organizaranse un total de vinte rutas guiadas
Burela-de-Ruta
12 Xuño 2024

O Concello de Burela organiza un ano máis o programa 'Burela de Ruta' con numerosas actividades, que inclúen visitas guiadas e xeorutas ao longo dos meses de verán para coñecer os atractivos patrimoniais e xeolóxicos da vila.

Haberá tres xeorutas distintas, A Marosa, O Perdouro e O Cantiño, e entre os meses de xullo, agosto e setembro organizaranse un total de vinte rutas guiadas, todas con saída dende a Oficina de Turismo, con prazas limitadas e reserva necesaria con sete días de antelación.

A ruta da Marosa e a do Cantiño, de 7,8 e 6,4 quilómetros, son de dificultade baixa, mentres que a do Perdouro, que percorre o conxunto de dobramentos mellor conservado de Galicia, é de dificultade media, cun percorrido de 3,2 quilómetros.

Na propia vila tamén haberá a posibilidade de disfrutar de visitas guiadas ó Barco Museo Reina del Carmen de martes a domingo ou á Ruta do Peixe, que permitirá descubir na Lonxa ABSA a primeira subasta oral automatizada do mundo.

A Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns A Moncloa tamén ofrecerá visitas guiadas, así como Conservas Faro de Burela, que permite coñecer as súas instalacións e produtos, e a visita 'Máis alá do mar' invita a descubrir a Burela rural e a Igrexa Vila do Medio.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, convida á veciñanza e a todas aquelas persoas que visiten a vila a participar nestas actividades "para coñecer mellor os seus atractivos turísticos".

A rexedora destacou "o gran traballo levado a cabo pola Concellería de Turismo para poñer en marcha este programa, así como o da Oficina de Turismo".

Pola súa banda, o concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, sinalou que “estas rutas poñen en valor tanto o patrimonio material como inmaterial do municipio, facendo que sexan atractivas tanto para visitantes como para a veciñanza. Ademais, como pobo mariñeiro que somos, poñemos nelas en valor o traballo do sector do mar”, engade.

“Dende a Concellería de Turismo seguimos apostando por unhas rutas que están tendo un gran éxito, e así o confirman as cifras, pois o número de visitantes vai subindo ano tras ano”, afirma o edil.

“As expectativas para este verán son boas, polo que agardamos que o turismo continúe medrando en Burela”, subliña Fernández Rey. “Seguiremos dándolle continuidade ao traballo feito nos últimos anos, que tantos bos froitos está dando", conclúe.

0.1935658454895