O Concello de Burela mellora o acceso da Vila do Medio ao Monte Castelo tras unha longa demanda veciñal

AMariñaXa
As obras de ensanche e seguridade no camiño de Pron buscan facilitar a incorporación á estrada da Deputación e contan cun investimento de máis de 40.000 euros
Burela-Obras-camino-de-pron-2025
15 May 2025

O Concello de Burela deu comezo recentemente a unha actuación moi esperada pola veciñanza: a mellora do camiño de Pron, unha vía clave que conecta a zona da Vila do Medio coa estrada da Deputación que leva ao Monte Castelo. A intervención responde a unha petición reiterada dos habitantes da contorna, que alertaban desde hai tempo sobre os problemas de estreitamento e as dificultades para acceder con seguridade á estrada principal.

A actuación inclúe a construción dunha escollera que permitirá ampliar o ancho da calzada, o que mellorará notablemente a visibilidade e facilitará a circulación dos vehículos que se incorporan desde esta zona rural. A obra conta cun financiamento superior aos 40.000 euros a través do Plan de Mellora de Camiños Rurais da Xunta de Galicia.

“Era unha actuación moi demandada, sobre todo polos veciños que usan este camiño para saír desde Vila do Medio. Os taponamentos na saída supoñían un risco real, por iso decidimos intervir para garantir máis visibilidade e seguridade”, explicou Ramiro Fernández, concelleiro de obras.

O edil destacou que, malia tratarse dunha obra de dimensións reducidas, “ten un gran impacto no día a día da veciñanza”. Engadiu que os residentes da zona “agradecen que por fin se estea a dar resposta a unha necesidade que levaban anos transmitindo”.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, tamén puxo en valor esta mellora, incidindo en que “as intervencións municipais deben servir para facer a vida máis sinxela ás persoas”. Segundo dixo, o obxectivo non é acumular proxectos sen rumbo, senón “escoitar á xente, coñecer os seus problemas reais e actuar con sentido”.

“Cada pequeno paso que damos para mellorar a accesibilidade, a seguridade e a comodidade da cidadanía é un avance colectivo. Este tipo de obras contribúen a construír unha Burela máis amable e máis adaptada ás necesidades do seu pobo”, concluíu a rexedora.

⚙ Configurar cookies
0.1679527759552