O Concello de Burela intentará aprobar unha nova ordenanza de tráfico co fin de "mellorar a fluidez nas vías"

AMariñaXa
O contedor rosa da campaña Recicla vidro por elas de Ecovidrio xa está instalado fronte á Praza do Concello,
casa concello burela
30 Nov 2023

O Concello de Burela intentará aprobar inicialmente unha nova ordenanza de tráfico, a implementación da fracción resto por parte da empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo e a adhesión ao Plan Estratéxico de Saúde do Ministerio, entre outros puntos.

Neste novo pleno, que se celebrará hoxe, xoves día 30 de novembro no salón de plenos ás 20.00 da tarde, “trataranse temas de vital importancia para o desenvolvemento da vila e de gran interese para a veciñanza, que agardamos sexan acollidos de xeito favorable”, comenta tamén a rexedora Carmela López. Na sesión tratarase así mesmo a aprobación das contas xerais e a corrección da errata da modificación de crédito do anterior pleno.

A nova ordenanza de tráfico e a derogación da anterior debaterase coa fin de mellorar a fluidez nas vías urbanas, regular outros usos e actividades que afecten á circulación viaria, fomentar a seguridade e controlar as infraccións que se cometen polos usuarios.

A nova ordenanza recolle medidas para actuar con maior axilidade ante os abandonos de vehículos, e abre novos usos regulados para as zonas de carga e descarga que benefician ao comercio local e empresas que o utilizan para o seu traballo diario.

O texto a debate trata tamén o estacionamento regulado con limitación temporal, a concesión de vaos municipais, os VMT, as paradas de taxis, os VTC, etc. Presentarase así mesmo a rotulación dos novos vehículos e da oficina de atención ao cidadán.

No relativo á adhesión ao Plan Estratéxico de Saúde do Ministerio, proporase contar cunha mesa de traballo no Concello co obxectivo de “axudar á nosa poboación a coñecer os recursos que lles poden axudar e dinamizar calquera acción, programa, actividade que fomente a mellora na calidade de vida das persoas” sinala a alcaldesa Carmela López.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15952205657959