O Concello de Burela iniciou as obras de reconstrución da beirarrúa de Nosa Señora do Carme

AMariñaXa
O Concello de Burela iniciou as obras de reconstrución da beirarrúa de Nosa Señora do Carme, no tramo entre as rúas da Lamestra e Eijo Garay.
obras construcion nosa senora do carme Burela
27 Xul 2022

Substituiranse os bordos renovando a beirarrúa da marxe dereita, instalando farolas e renovando o cableado con toma de terra.

O Concello de Burela iniciou as obras que servirán para reconstruír a beirarrúa de Nosa Señora do Carme, no tramo comprendido entre as rúas da Lamestra e Eijo Garay.

Os traballos que se porán en marcha substituirán todos os bordos e a capa de acabado, instalando tamén farolas nunhas isletas habilitadas fóra da propia beirarrúa. Para iso, demolirase o actual pavimento, repoñendo as baldosas cun deseño integrado e similar ao aplicado na contorna. Ademais, instalarase un novo cableado con toma de terra, poñendo os bordos da calzada con hormigón.

Desde a Delegación de Urbanismo do Concello de Burela explicaron que a obra ten un prazo de execución de dous meses e un orzamento total de 57.517,24 euros, financiada con fondos municipais dos remanentes de tesourería que o goberno agora pode destinar a este tipo de accións froito dunha boa xestión económica previa. 

A empresa encargada da obra é tamén a adxudicataria da mellora da segunda fase que se realizará na rúa Rosalía de Castro en canto rematen esta, pola que decidiron comezar ao ter unha menor afluencia de tráfico. 

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, e o tenente de alcalde e responsable político de obras, Ramiro Fernández, acudiron esta mañá ata o lugar onde se van iniciar os traballos, na rúa Nosa Señora do Carme, para falar co persoal técnico encargado da obra e supervisar a planificación na execución.

Ambos dirixentes concordaron na necesidade “de renovar esta zona para mellorar a seguridade tanto das persoas que a transitan como dos vehículos”, investindo “nesta e noutras zonas da vila para renovar as estradas e beirarrúas e polo tanto, mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas”.

0.20793104171753