Rexistrada unha gran participación na Semana Europea da Mobilidade de Burela

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
25 sep 2019

A concelleira de Medio Ambiente, Noelia Mª Ben, fai unha valoración moi positiva da Semana Europea da Mobilidade, que se celebrou do 16 ao 22 de setembro na vila. 

A edil socialista dixo que “tivemos unha semana repleta de actividades e con moita participación, tanto de escolares como de poboación en xeral. Foi a primeira vez que coincidimos con Alas de Vida e traballamos conxuntamente de xeito gratificante, polo que queremos agradecer o seu bo facer”.

Noelia Mª Ben engadiu: “Tamén queremos agradecer a todos os colectivos que nos axudaron a facer posible esta semana o seu esforzo, xa que sen eles sería imposible ter un programa tan completo. E aproveitar esta ocasión para animar á xente a ser máis sostibles nos seus desprazamentos, Burela é un pobo no que polo seu tamaño non precisamos o coche para desprazarnos dentro del, polo que é bo para todos desprazarnos a pé ou en bici, tanto para a nosa saúde, a nosa economía e para o medio ambiente”.

CONCURSO DE FOTOS. Francisco Mon Fernández é o gañador co concurso de fotografías Os Beatles en Abbey Road… nun paso de cebra, convocado polo Concello con motivo da celebración da Semana Europea da Mobilidade. Os participantes tiñan que facer unha foto imitando a mítica imaxe. O afortunado gozará dunha cea valorada en 100 euros no Contraste. 

0.17376017570496