O Concello de Burela felicita a Breixo Llano pola súa candidatura aos Mestre Mateo por 'Cos pés na terra'

Burela trasladou publicamente a súa felicitación ao burelao Breixo Llano tras coñecerse a súa candidatura na categoría de Mellor Realización polos traballos na serie Cos pés na terra, finalista nos XXIV premios que convoca a Academia Galega do Audiovisual.
A entrega de galardóns terá lugar o 21 de marzo na cidade de Lugo, nunha edición que, segundo avanzou a organización, desenvolverá tamén unha programación de actividades previas arredor da gala.
Dende o goberno local salientan que esta candidatura serve para poñer en valor o talento profesional dun veciño do municipio e a capacidade do audiovisual galego para contar historias vencelladas á cultura e aos valores sociais. Ao tempo, animan á veciñanza a seguir a gala e a apoiar o traballo dos equipos creativos e técnicos do sector.