O Concello de Burela dá un paso adiante na construción da nova EDAR
O Concello de Burela aprobou no pleno o calendario de investimentos ata o ano 2029 para a construción da nova EDAR, unha infraestrutura fundamental para a vila. “É un paso adiante moi importante, aínda que lamentamos que os retrasos por parte de Augas de Galicia provocasen a perda de fondos europeos e que o concello teña que aportar o 5% do investimento da EDAR”, explica a alcaldesa, Carmela López.
Ramiro Fernández, concelleiro de Obras, concreta que “a cantidade perdida de fondos europeos por non comezar a obra antes, como si pasou en Foz ou Viveiro, é de 1,7 millóns de euros”.
“Estes retrasos por parte de Xunta levan a que o concello teña que aportar 435.874 euros, o 5% do proxecto”, explica Fernández. O custo total da actuación alcanza os 8.717.492 euros. “Burela necesita unha EDAR moderna para dar resposta ás necesidades dos nosos veciños e veciñas”, remata Carmela López.
O 60% do custo da EDAR procederá de fondos europeos, o 5% do concello e o 35% de Augas de Galicia, facendo uso a Xunta do imposto do canon da auga que pagan os veciños e veciñas de Burela para financiar melloras desta envergadura.