O Concello de Burela crea un espazo de participación cidadá na web municipal
O Concello de Burela crea un espazo de participación cidadá na web municipal, onde o Goberno local fará enquisas para coñecer a opinión da veciñanza sobre diferentes cuestións. Actualmente atópanse dispoñibles unha enquisa sobre paisaxismo en Burela e outra sobre actividades culturais e lúdicas dirixidas á mocidade, nas que os veciños e veciñas poden aportar suxerencias sobre estes temas e sinalar as súas inquedanzas.
Sobre a cuestión do paisaxismo, a alcaldesa Carmela López afirma que “para transformar Burela é preciso proxectar espazos desde o prisma do paisaxismo urbano, esa arte de recuperar a beleza da natureza”. Por iso, están a traballar cunha paisaxista e “para continuar coa participación cidadá, temos este novo formulario para coñecer as opinións dos nosos veciños e veciñas”, engade a rexedora.
Dende a área de mocidade propoñen a consulta pública dirixida á mocidade “para coñecer as súas inquedanzas, as súas preferencias e o seu punto de vista sobre a oferta lúdica da que dispoñen en Burela”, explica pola súa banda o concelleiro Mario Pillado. Pensan que se lles “vai dar unha información de moito valor sobre a xente moza”, engade o edil. Nesta enquisa sobre actividades culturais e lúdicas dirixidas á mocidade tamén fixo a súa aportación o Grupo de Participación Adolescente.
Pode accederse á enquisa sobre paisaxismo en Burela no enderezo electrónico https://burela.org/gl/participacion-cidada-consulta-publica-sobre-paisaxismo. Por outra banda, pódese acceder á outra enquisa dispoñible , sobre actividades culturais e lúdicas dirixidas á mocidade do municipio, no enderezo electrónico https://burela.org/gl/participacion-cidada-consulta-publica-a-mocidade