O Concello de Burela comeza a elaborar a futura RPT a través dunha mesa de negociación

TerraChaXa | AMariñaXa
Estes días celebrouse no Concello de Burela unha xuntanza da mesa de negociación para tentar elaborar a futura RPT (Relación de Postos de Traballo).
6 Feb 2019

Estes días celebrouse no Concello de Burela unha xuntanza da mesa de negociación para tentar elaborar a futura RPT (Relación de Postos de Traballo). O alcalde, Alfredo Llano, dixo que o encontro foi fluído e que todas as partes teñen un obxectivo común, que é confeccionar unha RPT nas mellores condicións posibles para os traballadores e traballadoras do Concello burelés. O 19 deste mes haberá unha nova reunión á que cada departamento levará a súa proposta de organigrama para analizar.
O rexedor contou que “tivemos unha reunión específica para tratar o tema da RPT no Concello de Burela. Creo que foi unha xuntanza fluída e respectuosa, cun obxectivo común que é elaborar o documento da relación de postos de traballo no Concello de Burela nas mellores condicións posibles”.
Alfredo Llano subliñou que “imos traballar, tanto os representantes dos traballadores como nosoutros, para que isto teña un bo fin e facelo cunha labor colectiva para conseguir un bo documento para o presente e o futuro do noso Concello. Fixemos unha valoración dun documento base que se nos presentou por parte dunha empresa á que se lle encargou a elaboración da RPT. A este documento cremos que lle faltan especificacións, sobre todo no organigrama dos postos de traballo”.
O alcalde burelés anunciou que “quedamos para o día 19 xa, para que cada área ou departamento de traballo do Concello traia un estudo de como debe ser o organigrama para cada departamento e para cada área de traballo. Imos tratar de facer un organigrama de postos de traballo, o que hai agora mesmo e o que debe haber no futuro, que sairá de cada departamento. Pareceunos a todos unha boa idea e polo tanto imos aplicala”.
O rexedor engadiu que “o día 19 faremos unha reunión para analizar cada proposta de cada departamento e ilo incorporando ao organigrama xeral da RPT do Concello de Burela. Basicamente se tratou isto, e estivemos vendo outros temas que hai que analizar no futuro como é a valoración dos postos de traballo, onde imos ter unha comisión de seguimento de negociación, con técnicos que nos poidan asesorar ao mesmo tempo no que imos elaborar. Chegamos á conclusión de facer un mesmo modelo para valorar todos os postos con criterios como poden ser a experiencia, os títulos educativos e a responsabilidade. Todo iso dálle un valor en puntuación, e quedamos, por unanimidade, en facer iso. Creo que conseguimos facer unha gran labor para o Concello de Burela e o último trámite sería levalo a pleno e aprobalo”.
Alfredo Llano dixo que “imos intentar acelerar e facer as reunións que poidamos, dentro do marxe derivado da responsabilidade que cada un de nós exerce, pero agora comezaremos o día 19 e imos darlle continuidade inmediata, ao mellor non no mes de febreiro, pero en marzo teremos outra reunión e así sucesivamente. Todos con gañas de traballar e co mesmo obxectivo de elaborar de forma conxunta unha RPT válida e boa para o Concello”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18055701255798