O Concello de Burela asina o protocolo polo bo trato á infancia
O Concello de Burela asinou de maneira simbólica o Protocolo polo bo trato á infancia. Fíxoo con diferentes entes e centros educativos, coincidindo con este 26 de abril, xornada na que se homenaxea o comportamento que as nenas e os nenos tiveron durante o confinamento domiciliario o ano pasado. Tal día coma hoxe puideron saír á rúa despois de pasar 42 confinados.
A concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, explicou que “este protocolo é o resultado do traballo conxunto de diferentes servizos do municipio no ámbito social, educativo, sanitario e outros organismos que interveñen directamente coa infancia e a adolescencia desde os que se ten detectado a existencia de carencias familiares en canto ao bo trato a menores, que lles están a dificultar un desenvolvemento axeitado”.
A edil burelesa dixo que “con este acordo prestarase especial atención á prevención da violencia intrafamiliar e á súa detección precoz artellando xeitos sinxelos de notificación e intervención coa finalidade de que as nenas e nenos do concello vivan en entornos seguros e libres de todo tipo de violencia”.
López subliñou que “este protocolo ten como obxectivos sensibilizar ás familias e á poboación xeral da necesidade do bo trato aos nenos e ás nenas para favorecer o seu axeitado desenvolvemento persoal, social e comunitario; fomentar hábitos e estratexias de bo trato, coidado e atención ás necesidades propias e específicas dos nenos e nenas a nivel educativo, emocional, de saúde e de lecer e tempo libre, entre outros. O protocolo asinado polo Concello burelés tamén tenta crear unha rede de profesionais implicados e coordinados para a sensibilización e o fomento do bo trato aos nenos e nenas dentro das familias. Ademais persegue detectar, notificar e intervir de forma axeitada en casos de sospeita de tratos inapropiados aos menores”.
A concelleira de Servizos Sociais engadiu que “desde os servizos e institucións do Concello de Burela, implicados na implantación deste protocolo, procederemos á difusión de carteis e dípticos informativos e de sensibilización cara ao bo trato da infancia. Tamén organizaremos charlas telemáticas e presenciais na medida que sexa posible sobre disciplina positiva dirixidas á poboación xeral, e celebrarase o Día Internacional da Non Violencia o 2 de outubro”.
O grupo de traballo estará integrado polos Servizos sociais municipais a través dos departamentos de Traballo Social, Educación Familiar, Integración de Inmigrantes, CIM, UAT e Traballo Social UAD. Ademais tamén está o Centro de Saúde con Traballo Social, Pediatría e Unidade de Saúde Mental. Por outra banda están implicados os seguintes centros educativos: Escola Infantil de Burela, Escola Infantil Os Castros, CEIP Virxe do Carme, CEIP Vista Alegre, IES Perdouro e IES Monte Castelo. Tamén participan neste protocolo: Hospital da Mariña, Cruz Vermella, Centro de Día San Aníbal, Cáritas e Policía Local.