O Concello de Burela apoya o deporte e o medio ambiente coa creación do Burela Surf Club

AMariñaXa
A nova entidade promove o surf e a concienciación ambiental no municipio, grazas a colaboración institucional e a axuda europea
Club-surf-burela-local-2025
28 Mar 2025

O Concello de Burela reafirma o seu compromiso co medio ambiente e o deporte coa recente entrega dun local ao novo Burela Surf Club. Esta entidade nace coa intención de achegar o surf á veciñanza e de fomentar os valores de convivencia e respeto polo medio natural.

A adecuación do espazo foi posible grazas ao financiamento da Deputación de Lugo, destacando o traballo conxunto das administracións para dotar ao municipio de infraestruturas que apoien o crecemento do tecido deportivo local.

Simultaneamente, o proxecto "Ondas Limpas", promovido polo Concello e financiado pola Unión Europea a través do FEMPA, continúa no seu labor de sensibilización ambiental e dinamización do litoral, en colaboración co Burela Surf Club e o GALP A Mariña – Ortegal.

O Burela Surf Club organizará, durante a Semana Santa, os días 17 e 18 de abril, unha actividade gratuíta de iniciación ao surf na praia da Marosa. A actividade, dirixida a persoas maiores de 8 anos, terá o acompañamento dos monitores do club, quen ensinarán os aspectos básicos do surf e as medidas de seguridade e protección do medio ambiente.

As persoas interesadas deberán inscribirse presencialmente entre o 1 e o 3 de abril na oficina GAIA, na praza de abastos. Se quedan prazas dispoñibles, habilitarase un formulario en liña entre os días 4 e 6 de abril. As prazas son limitadas, e a veciñanza empadroada en Burela terá prioridade.

O proxecto "Ondas Limpas", que se iniciou en 2024, seguirá en 2025 co obxectivo de promover a concienciación ambiental a través de actividades que combinen o deporte co respecto polo medio natural. Este ano, ademais das actividades de surf, desenvolverase un mural colectivo con material reciclado, destacando a importancia da reciclaxe e do coidado do litoral.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, subliñou a importancia deste proxecto: "Aposta estratéxica para o futuro do noso municipio, a través de actividades educativas e respectuosas co noso entorno natural."

Desde o Burela Surf Club quixeron agradecer ao Concello a súa colaboración na cesión do local e na xestión da subvención do GALP, permitindo a creación desta nova iniciativa deportiva. O club destacou tamén o traballo realizado nestes meses, resaltando que "o noso obxectivo principal é fomentar a cultura do mar nun municipio como Burela, e que mellor forma de facelo que a través dun deporte tan fermoso como o surf".

⚙ Configurar cookies
0.33540606498718