O Concello de Burela amplía o uso do contedor marrón para a veciñanza
O Concello de Burela poñerá en marcha unha nova fase do seu sistema de reciclaxe de residuos orgánicos coa implantación do contedor marrón para toda a veciñanza, a partir do luns 28 de outubro. Este sistema, que leva un ano en funcionamento na hostalería do municipio, estenderase agora ao conxunto dos veciños e veciñas, no marco da campaña "Reciclar ben non é un marrón".
A partir do luns, o Concello enviará un formulario a través dos seus canles de comunicación para que os veciños interesados poidan inscribirse e así recibir a chave necesaria para utilizar os novos contedores. A empresa encargada da xestión deste sistema será Urbaser.
Nos días seguintes, as persoas inscritas serán citadas para recoller as chaves e recibir información detallada sobre a localización dos contedores e as normas de uso. Ramiro Fernández Rey, concelleiro de Benestar Comunitario, destacou a importancia desta medida, explicando que "os residuos orgánicos representan arredor dun 30% do lixo total que xeramos cada día".
O concelleiro subliñou o éxito da implementación do sistema na hostalería local, animando á veciñanza a colaborar e cumprir coas indicacións da aula Gaia para evitar a presenza de materiais impropios nos contedores. Fernández Rey tamén advertiu que "nun futuro será previsiblemente obrigatorio" o uso deste sistema para toda a poboación.