O Concello de Burela acenderá o alumeado de Nadal este venres

AMariñaXa
O Concello de Burela acenderá a iluminación do Nadal este venres xa se está culminando a colocación dos leds polas rúas
nadal led luces alumeado 3
30 Nov 2021

O acendido da iluminación do Nadal en Burela será este venres, 3 de decembro, así o comunicou o alcalde, Alfredo Llano.

Anunciou que “xa se está culminando a colocación das luces do Nadal e vaise facer o acendido o día 3 pola tarde, a unha hora que será consesuada cos representantes da Asociación, de Comerciantes, Industriais e Autónomos (ACIA). Nesta ocasión adiantámonos un pouquiño porque o ano pasado fora na ponte. Facémolo para motivar xa este Nadal”.

E precisamente para falar do Nadal o rexedor municipal de Burela vai manter unha reunión cos representantes da ACIA local este mércores, día 1 de decembro, ás 14 horas. “Vamos tratar temas conxuntos de interese para as dúas partes, como a organización de eventos que dean singularidade ao Nadal de Burela, para que sexa atractivo e interesante para os nosos veciños e para a xente que veña visitarnos”, explicou Alfredo Llano.

PLENO

O alcalde tamén comentou que a corporación municipal de Burela celebrará unha sesión ordinaria este xoves, día 2 de decembro, pleno que é o correspondente a este mes de novembro, pero “houbo que trasladalo unha semana, como está contemplado que se pode facer”.

O asunto máis importante que se tratará nesta sesión é a ordenanza fiscal reguladora da taxa pola ocupación de solo, subsolo e aéreo, “coa que se simplifican moitas cousas e adáptase á normativa que agora hai que aplicar en todos os concellos. Cando se fai unha ocupación hai que adecuala ao valor que correspondente, polas diferentes categorías das rúas ou prazas do concello, pola súa situación, pero no caso de Burela realmente a diferenza entre unhas zonas e outras é mínima. Fundamentalmente regulará a ocupación por diferentes circunstancias, como por obras; e neste caso vai resultar moi simplificada porque ata agora facíase a ocupación por unha semana como mínimo e agora será exclusivamente polo tempo no se vai empregar ese espazo para esa obra, o que vai ser unha gran vantaxe para todos. Nesta ordenanza tamén vai incorporada a taxa de barracas e espectáculos públicos, a de instalación de quioscos, a de tendidos, a de cartelería e tamén a das terrazas, que estaba derrogada. Pensamos que esta ordenanza é importante para o noso concello porque así aplicarase a normativa en vigor e ademais non vai supoñer unha suba de taxas, que van quedar todas conxeladas. Polo tanto espero que este asunto saia para adiante porque é algo moi beneficioso e de obrigado cumprimento para o noso concello”.

0.2121570110321