O Concello de Burela abre o prazo de inscrición para as ligas xuvenís de Ping Pong e UNO na Casa da Xuventude

AMariñaXa
As actividades desenvolveranse de luns a xoves en horario de tarde e están dirixidas a mozos e mozas de entre 12 e 18 anos
Table tennis or ping pong
14 Oct 2025

O Concello de Burela vén de abrir o prazo de inscrición para participar nas novas ligas de Ping Pong e UNO, que se celebrarán nas instalacións da Casa da Xuventude. As actividades, de carácter totalmente lúdico e participativo, terán lugar de luns a xoves, entre as 17:00 e as 20:00 horas.

As inscricións poderán realizarse ata o 31 de outubro, tanto de forma presencial na propia Casa da Xuventude como a través do teléfono 982 581 141 ou do correo electrónico casaxuventude@burela.org.

O primeiro tenente de alcaldesa, Mario Pillado, explicou que con estas dúas propostas “damos continuidade ás actividades organizadas durante o verán, ofrecendo alternativas de lecer moi demandadas pola mocidade burelá”. O edil sinalou que ambas as ligas “buscan fomentar o compañeirismo, o espírito deportivo e a participación nun ambiente de amizade e diversión”.

Pillado subliñou tamén que o obxectivo fundamental é “achegar á rapazada á Casa da Xuventude, para que fagan deste espazo un lugar propio, pensado para eles e elas, no que poidan pasar un bo rato cos xogos que máis lles gustan”.

Coa posta en marcha destas dúas ligas, o Concello de Burela continúa a súa aposta por ofrecer propostas de ocio saudable e participativo para a mocidade, consolidando a Casa da Xuventude como un punto de encontro activo e dinamizador da vida social e cultural do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.070835113525391