O Concello de Barreiros repón a ponte da Barranca en San Miguel

AMariñaXa
A ponte, que levaba máis de cinco anos en moi mal estado, foi recuperada con fondos municipais barreirenses
renovacion ponte branca barreiros
30 Out 2021

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, e o concelleiro de Medio Rural, Dámaso Ratoeira, visitaron nesta semana as obras que se están a executar para a reposición da ponte da Barranca que dá acceso a numerosos montes da parroquia de San Miguel de Reinante. 

A rexedora explicou que a reparación da mesma foi unha prioridade deste goberno desde o primeiro momento, xa que na súa chegada en 2019, xa se atopaba derruída desde había anos e imposibilitaba o acceso en condicións a propiedades e a posibilidade de utilizala en caso de incendio forestal; tratándose dunha vía moi importante, porque vertebra gran parte dos montes desa parroquia. 

Os trámites para poder efectuar as obras, que consisten na colocación de marcos prefabricados e a dotación de firme para os mesmos, iniciáronse no 2019 e prolongáronse case dous anos, ao tratarse dunha obra que afecta a unha canle fluvial e ser precisa autorización do ente público Augas de Galicia.

O concelleiro de Medio Rural explicou que “pese a que a obra era de gran urxencia e necesidade, non foi posible acometela antes ao ter que iniciar desde cero os trámites para a súa execución, xa que no 2019 non había feito ningunha xestión, nin proxecto nin previsión económica.” Sinala ademais a “ dificultade para acadar a autorización de Augas de Galicia, ao tratarse de actuacións sobre a propia canle dun regato que precisa de desvío para poder levalas a cabo; así como un momento de realización moi concreto en función do caudal do regato.”

Con esta reparación, que quedará finalizada nesta semana, contarase cun acceso de calidade para a súa utilización en caso de incendio ou outras necesidades forestais. A obra completarase, en canto sexa posible, co arranxo da pista forestal que realizarán as empresas de saca de madeira que operan na zona, en base á colaboración que se ten establecido entre estas e o Concello de Barreiros para a mellora das infraestruturas forestais municipais. 

0.19337797164917