O Concello de Barreiros renova o apoio á asociación O Arco da Vella cun convenio de 2.000 euros

O Concello de Barreiros vén de renovar a súa colaboración coa asociación cultural O Arco da Vella mediante a sinatura dun convenio de cooperación dotado con 2.000 euros. O acordo foi rubricado recentemente pola alcaldesa, Ana Ermida, e polo presidente da entidade, Enrique Penabad, e ten como obxectivo garantir o funcionamento ordinario da agrupación e o desenvolvemento das súas actividades culturais.
A achega municipal permitirá que O Arco da Vella continúe levando as súas actuacións a diferentes lugares do concello, promovendo así a posta en valor e o coñecemento da cultura e do folclore galegos. “Trátase dunha entidade que mantén vivo o noso patrimonio musical e tradicional, e que achega o seu labor a múltiples espazos de Barreiros, contribuíndo á dinamización social e cultural do municipio”, sinalaron desde o goberno local.
Esta axuda compleméntase coa participación do Concello na organización do Festival do Emigrante, declarado Festa de Interese Turístico Galego, un dos eventos máis destacados do calendario cultural barreirense. A alcaldesa, Ana Ermida, destacou a importancia de “seguir apoiando ás asociacións culturais que fan posible conservar as nosas tradicións e que, co seu traballo, fortalecen a identidade colectiva da veciñanza”.