O Concello de Barreiros reforza o operativo de praias cun cadro de socorrismo máis amplo e novos medios de seguridade

O Concello de Barreiros activou xa o seu plan de verán, poñendo en marcha o servizo de socorrismo coa incorporación de 19 persoas, entre socorristas e técnicas sanitarias. A alcaldesa, Ana Ermida, acompañada de membros do goberno local, visitou este sábado ao equipo que comezou a traballar nos areais, comprobando tamén o estado do material dispoñible e as novas necesidades derivadas do incremento de persoal.
A rexedora explicou que contan actualmente con 17 socorristas e 2 técnicas sanitarias, e que o servizo completarase antes do 1 de xullo con novas contratacións. Subliñou tamén o importante esforzo económico que realiza o Concello, lembrando que a axuda da Xunta apenas acada os 17.000 euros. “É un orgullo poder dicir que ano tras ano melloramos este servizo, a pesar das dificultades”, declarou Ermida, quen agradeceu o compromiso do persoal que repite e deu a benvida ás novas incorporacións.
O Concello reforzará o operativo cunha moto de auga e dúas zodiacs, e traballa para abrir o maior número posible de praias, sempre garantindo a seguridade de usuarios e traballadores. Ademais, xa se están acometendo labores de limpeza e mantemento nos accesos, paseos marítimos e baños públicos, incluíndo unha revisión intermedia durante o verán, algo inédito no municipio.