O concello de Barreiros presenta alegacións municipais ao parque eólico

AMariñaXa
O concello de Barreiros presenta alegacións municipais ao parque eólico Barreiros I, no que se incumpren criterios técnicos e urbanísticos.
18 Abr 2024

O concello de Barreiros presenta alegacións municipais ao parque eólico Barreiros I, no que se incumpren criterios técnicos e urbanísticos. As alegacións municipais baséanse nestes incumprimentos manifestados no informe técnico municipal, pero tamén en cuestións de calado xeral como o fraccionamento continuo de proxectos que impiden unha avaliación do impacto ambiental real e adecuada as dimensións dos proxectos no seu conxunto.

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, solicita a paralización da tramitación do parque eólico a espera dunha coordinación da planificación existente; xa que, asegura “a voracidade de empresas promotoras de proxectos eólicos supera a capacidade técnica e administrativa municipal e vémonos envoltos nun procedemento no que somos unha mínima parte con moi escasa capacidade de decisión.”

Advirten, igualmente, da necesidade de coordinación entre as Administracións e dunha planificación que reverta nos propios municipios, lonxe de proxectos puramente mercantís como os que se están a tramitar ante as administracións autonómica e estatal. Neste caso, ademais, a colocación dos muíños tal e como se contempla no proxecto exposto incumpre mesmo as distancias a núcleos de poboación e contempla actuacións, como a apertura de viarios en zona de concentración parcelaria que “implicaría a división da propiedade inicialmente concentrada para dar sostén a actividade agraria e en base á cal se teñen dimensionado as explotacións”, afectando de xeito evidente a unha actividade agraria sostén da zona na que se insiren.

Outra das cuestións recollidas nas alegacións é a afectación ao Camiño de Santiago, que discorre polos núcleos afectados e que se verá claramente afectado polos impactos derivados da posible localización dos eólicos. O Concello de Barreiro xa ten presentadas tamén alegacións ao parque eólico Barreiros III, no que se contempla a colocación de dous aeroxeradores na ladeira do Monte Comado.

0.12035703659058